Xornalismo


 

Contesta ou disparo

Contesta ou disparo

Domicilio Virtual, 2011
34 entrevistas breves con representantes da cultura galega
Edición dixital (epub e pdf)

Contesta ou disparo é un libro que contén 34 entrevistas breves, rápidas e de aire frívolo, feitas por Fran Alonso en 1991, para o Diario 16 de Galicia, a 34 persoas da cultura e da política galega: Isaac Díaz Pardo, O Mago Antón, Mariano Abalo, Julián Hernández, Justo Beramendi, Chano Piñeiro, Manuel Forcadela, Miguelanxo Prado, Alberto González Alegre, Xosé Luís Blanco Campaña, Couceiro, Carlos Casares, Os Diplomáticos de Monte Alto, Alfonso Eiré, Manuel Moldes, Roberto Vidal Bolaño, Luís Mariño, Carlos Mella, Antón Baamonde, Roberto Cordovani, Atilano, Xaquín Marín, Ramón Villares, Xosé Luís Suárez Canal, Margarita Ledo, Manuel Guede, Miguel Cancio, Valentín Carrera, Pemón Bouzas, Suso Costas, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Luma Gómez e Laxeiro.  Contesta ou disparo é un libro de xornalismo, humilde pero simpático; lixeiro pero que, ao tempo, recupera a memoria de noso; fugaz pero tamén significativo. Está editado baixo licencia Creative Commons e acceso libre para celebrar os 20 anos de escrita pública do seu autor (1991-2011).


 

Un país a medio facer (2008), 1ª edición


Un país a medio facer

Xerais, 2008
Entrevistas, crónica
1ª edición

Un país a medio facer de Fran Alonso busca as claves da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos a través das voces dos protagonistas. Hai 20 anos, as casas de ladrillo sen recubrir constituían, na opinión de Manuel Rivas, unha boa metáfora de Galicia; un descoñecido Xurxo Souto teimaba en inventar Os Diplomáticos de Monte Alto mentres Reixa preparaba o programa Sitio Distinto para a TVG; Uxía comezaba a súa andaina musical en solitario e o teatro galego vivía días de polémica. Algunhas das entrevistas foron contestadas e, globalmente, reflicten a cultura dun país que buscaba obsesivamente a súa normalidade. Apenas pasaran algo máis dunha ducia de anos desde a fin da ditadura, remataban os 80 ou albiscábanse os desinhibidos 90. A través de entrevistas feitas naquela época, reconstrúese agora o pulso cultural dun tempo en que Galicia era un país a medio facer e vivía ese feito de xeito obsesivo. Logo, o libro salta no tempo e viaxa, vinte anos despois, a unha Galicia que parece normal. ¿É normal? ¿Que cambiou na cultura galega nestes vinte anos?

 


 

naflor
A voz que vén da seitura

Biografía que forma parte do libro-CD-DV da Señora Carmen A flor dos meus anos.
Inclúe entrevista en formato vídeo dixital.
PAI Música, 2007

 

A voz que vén da seitura é unha biografía da Señora Carmen, unha muller de 82 (falecida en 2014) anos integrante do grupo folk Malvela que publicou o seu primeiro disco en solitario baixo o título A flor dos meus anos. Ademais da biografía literaria que consta no libro-CD, tamén se reproduce a entrevista en imaxes no DVD. Tras unha dura vida de traballo no campo a señora Carmen, falecida en xaneiro de 2015, debutou como cantante solista en 2007 aos 82 anos de idade conseguindo sona e boas críticas co seu disco Na flor dos meus anos (PAI Música). Anteriormente foi unha das integrantes do grupo Malvela, xurdido a partir dun cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía, co que tamén acadou moitos éxitos e gravou varios discos chegando a actuar a nivel internacional. A versión que con Malvela gravaron da popular canción “O pirimpimpín” foi utilizada como cabeceira dunha serie, emitida pola TVG. No seu disco en solitario estivo arroupada por colaboracións tan importantes como as de Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Rodrigo Romaní no eido musical e os textos do escritor Fran Alonso no libro que acompaña ao disco e no que dá conta da vida desta muller singular.

 


 

Territorio ocupado

Territorio ocupado

Premio Losada Diéguez de creación literaria 1999
Crónica
Xerais, 1998
1ª edición

Territorio ocupado, publicado por Xerais, é unha intensa crónica humana, entre o periodismo e a literatura, sobre o conflicto saharauí, na que o autor lIes cede a súa voz ós protagonistas: as mulleres que dirixen os campamentos de refuxiados, o militante encarcerado clandestinamente en Marrocos, un vello nómada, aquela muller que sufriu os bombardeos da aviación no deserto, os combatentes, os ministros do goberno exiliado, os fundadores da Fronte Polisario, a nena que veu de vacacións de verán a Galicia. Eles son os protagonistas de Territorio ocupado, un libro que se fixo a partir das diversas viaxes que escritor e fotógrafo realizaron ós campamentos de refuxiados onde os saharauís habitan, na máis dura hamada do deserto. E, á par da crónica literaria e periodística do texto, as 115 fotografías, fermosas e reveladoras, de Manuel G. Vicente que ilustran o libro.