Narrativa

A punta de pistola

A punta de pistola

XII Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2012
Edicións Xerais de Galicia, 2012

3ª edición

A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un Centro de Acollida Familiar para ver os seus fillos, baixo a tutela dos servizos sociais. Unha vez alí, secuéstranos e lévanos a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida. Ao tempo, outra historia transcorre en paralelo: a dunha camioneira emprendedora, culta e licenciada, que conduce e escribe nun blog. A camioneira, admiradora da vida da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión, en 1932, supón un contrapunto máis intimista á desenfreada fuxida que protagoniza a parella de secuestradores. Moita acción, planos cinematográficos, novas tecnoloxías, o papel da muller e a desestruturación social, familiar e educativa son algúns dos eixos que vertebran esta novela que está baseada nun feito real e logra atrapar os lectores e lectoras.

 


 

Ninguén

Ninguén

Edicións Xerais de Galicia, 2011
1ª edición
Traducións: edición en español (Pulp Books, 2015)

Sara, unha muller que está farta dos ruídos da cidade, decide cambiar de estilo de vida. Un mozo vive obsesionado polas voces dos seus veciños, que lle impiden levar unha vida normal. Outra muller cítase nunha cafetería cun home ao que coñeceu a través de Internet. S. Lonely toma a decisión, por primeira vez na súa vida, de emprender unha pequena viaxe de vacacións para romper a rutina. Un escritor, que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, descobre a carga subversiva dos hoax, esas falsas cadeas que se envían a través do correo electrónico. Simultaneamente, diversos mails cruzan o ciberespazo deste libro singular.Estas son algunhas das historias e personaxes do novo libro de Fran Alonso. Ninguén aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde a presenza do teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais, Ninguén explora esa nova condición que hoxe nos define aos cidadáns das comunidades contemporáneas, vencelladas, entre outras cousas, ao individualismo, á máquina, á soidade e ao ruído.

 


 

Voces da Groba, voces de Berlín (2010), 1ª edición.

Voces da Groba, voces de Berlín

Edicións Aguatinta, 2010
Edición limitada e numerada.

Voces da Groba, voces de Berlín é un libro de edición especial, moi coidada, que ten como soporte unha carpeta que contén un libro cun relato longo de Fran alonso e unha serigrafía do artista plástico Jorge Barbi. A edición, limitada e non venal, consta de 200 exemplares numerados e asinados polos dous autores e 30 exemplares máis, tamén numerados e asinados, para compromisos de edición. O crítico Ramón Nicolás escribiu sobre o libro: «Fran Alonso recrea con sensibilidade unha sorte de confesión dun personaxe do barrio de Mitte berlinés que, dun xeito casual, arriba ás costas da serra de Groba nun momento delicado da súa vida e como a impronta deste espazo, das súas xentes e das vivencias que aquí ten determinan unha mudanza radical na súa vida. A proposta de Alonso, que non abandona ese hipertexto que domina a totalidade da súa produción, condúcenos ao tempo pola crónica particular da biografía do personaxe que enfila o relato, mais tamén pola presenza dos cabalos da serra como símbolo de liberdade -na realidade aí se revela o asunto central da proposta literaria, relato longo ou “nouvelle” se se quer-, polos petróglifos do lugar, por unha reflexión sobre os perigos que ameazan este espazo ou polo seu adn representado na toponimia inmemorial que agroma na palabra dun personaxe de ficción recoñecible».

 


 

Cartas de amor

Cartas de amor

Edicións Xerais de Galicia, 2006
8ª edición
Traducións: edición en español (Algar, 2008)

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración…E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais –persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

 


 

Males de cabeza

Males de cabeza

Edicións Xerais de Galicia, 2001
2ª edición
Traducións: edición en español (Faktoría K, 2007), edició en catalá (El cep i la Nansa, 2007)

Males de cabeza reflexiona sobre ese vento que sopra desde as entrañas da cultura urbana contemporánea e que nos arrastra entre as follas invisibles dunha neurose colectiva. Máis que un libro, Males de cabeza é unha arañeira de seda ácida que se vai tecendo con extremado coidado arredor dun dos temas que máis paixón e inquedanza teñen espertado ao longo do milenio: a tolemia. En Males de cabeza, Fran Alonso deita unha ollada sobre a condición humana, ás veces con tenrura, ás veces con dureza, ofrecéndonos unha visión propia e moderna da tolemia, desa tolemia próxima e contemporánea que a tod@s nos roza. E faino espindo as tensións e contradiccións cotiás do noso tempo e da nosa sociedade e abrindo un coloquio coa tradición literaria e cinematográfica que recrea a loucura. Males de cabeza configúrase como un espello que compendia a obra literaria de Fran Alonso.

 


 

Silencio (2014), 3ª ed

Silencio

Editorial Nigra, 1995; Edicións Xerais de Galicia, 2001, 2015
3ª edición

Un xornalista galego duramente castigado polo poder ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e, sen querelo, vese envolto nunha situación kafkiana. Da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. A través dunha atmosfera intrigante, Silencio configúrase como unha novela de suspense, suspense que se intensifica de forma vertixinosa para presentarnos unha historia próxima ao misterio e ao desacougo urbano. Con esta novela descubrimos o arrepío que habita no ser humano contemporáneo con só rañar uns centímetros na cotra do cotián, na nosa vida doméstica. Coa súa capacidade habitual para transportarnos aos lugares máis sorprendentes e cun estilo directo, breve e conciso, en Silencio Fran Alonso non deixa lugar para o respiro.

 


 

Cemiterio de elefantes

Cemiterio de elefantes

Edicións Xerais de Galicia, 1994
6ª edición
Traducións: edición en español (Pulp Books, 2013),

En Cemiterio de elefantes o protagonista é a noite, a noite como sinónimo de maxia, de complicidade, de vida, de esperanza, de encanto, pero tamén de erosión, de soidade, de clandestinidade, de anonimato, de silencio e de frustración. Cunha estrutura singular e ubicado no espazo xeográfico de Vigo, este libro cóntanos –con frescura, humanidade e ironía– historias nocturnas e urbanas cargadas de melancolía e humor que nunca nos deixan indiferentes. As páxinas de Cemiterio de elefantes percorren con acidez a paisaxe nocturna, a través de certa estética radiofónica. Na súa escrita húmida refúxianse noctámbulos, camareiras, travestis, estudantes, taxistas, varredores, persoas solitarias, insomnes, xornalistas… que gozan ou sofren o efecto devastador da noite descubrindo as entrañas da cidade. Espazos literarios e personaxes de Fran Alonso como Almas perdidas, Corazóns Solitarios e a Señora Lola naceron neste libro, cuxa trama comeza ás 12.00 AM, cando a noite cae sobre Vigo, e remata ás 8.00 AM, co amencer dun novo día.

 


 

Tráiler

Tráiler

Premio Blanco Amor de Novela Longa 1991
Edicións Xerais de Galicia, 1991

3ª edición

Tráiler é unha obra plural, ateigada de puntos de vista e voces narradoras, cheas de tipos do asunto, tipos da estrada. (El Correo Gallego, Santiago). Tráiler mergúllanos no mundo actual sentimos as presas ilóxicas, a anguria e agresividade, a importante presencia das comunicacións. E ó carón atopamos o home inamovible tradicional, cos seus costumes e valores de sempre. (C. Ríos Panisse, Grial,Vigo). Tráiler é, ó meu entender, a novela máis conseguida dos últimos decenios en lingua galega. […] Pepe afonda no individuo concreto, Xenaro na relación de parella e Lino no sentido do clan, da familia e do sangue. […] Sexo, perigo e un final desengañado, sería un guión estupendo para unha road movie europea. (A. R. López-Vázouez, Reseña de Literatura, Arte y Espectáculos, Madrid). De Tráiler sigo pensando que é unha das mellores novelas da narrativa galega actual. Nela descubrín un escritor veraz, honesto. (Byron, Sete Días, Santiago). 

 


 

A lua no porobadorA lúa no probador

Relatos e poemas de 1986 a 1990
Diaro 16 de Galicia / Editorial Grupo Acsa, 1992

A lúa no probador reúne catro relatos e oito poemas escritos entre 1986 («As mulleres do Sáhara») e 1990 (o o poema «Tívenlles tanto medo»). Todos eles son, daquela, anteriores á escrita de Tráiler (a primeira novela de Fran Alonso) e de Persianas, pedramol e outros nervios(o primeiro poemario do autor). Con anterioridade, publicáranse nalgunhas revistas literarias (moi especialmente a revista Ólisbos ou volumes colectivos e foron reunidos especificamente para a publicación deste volume. Son, sen dubida ningunha, textos literarios de aprendizaxe. O derradeiro relato do libro («O mañá depende de nós») recibira, no seu día, o Premio Curuxa Literaria do Museo do Humor de Fene (1990) e o relato que dá título ao volume tamén fora galardoado nun certame universitario