Fran Alonso volve á poesía infantil con «Poemas birollos para ler cos ollos», un libro divertido e transgresor que reivindica a poesía visual e a oralidade

Portadinha

Fran Alonso volve á poesía infantil cun libro titulado Poemas birollos para ler cos ollos, publicado por Xerais e dirixido a primeiros lectores e lectoras. O libro foi integramente deseñado por Fran Alonso, que tamén o escribiu e ilustrou e supón unha reivindicación da poesía visual para esas idades.

Poemas birollos para ler cos ollos é un libro de poesía infantil que parte dunha concepción lúdica, divertida e transgresora da poesía. Os poemas nacen de dúas fontes fundamentais: a poesía visual e a oralidade. Botando man do elemento gráfico para facer que os poemas se lean coma se fosen cadros e buscando a complicidade das cancións infantís, dos arrolos e das sortes, Fran Alonso fai neste libro unha proposta sorprendente e modernizadora. O resultado é un libro moi accesible que sitúa a poesía moi próxima á sensibilidade das nenas e nenos de hoxe.

En palabras do autor, Poemas birollos para ler cos ollos nace «da miña reflexión de que a poesía para as primeiras idades queda no convencional e está moi apegada á tradición, pero esquece que hai unha parte importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se le coma se fose un cadro, coa vista. No noso ámbito, a poesía infantil ten un déficit na incorporación da poesía visual e doutros achados importantes moi consolidados na poesía para adultos. Pola contra, botar man destes elementos fai a poesía máis accesible, máis divertida e máis próxima á sensibilidade das nenas e nenos de hoxe».