«Fran Alonso sorprende coa constante renovación pola que aposta en cada nova obra». Crítica de Mar Fernández Vázquez sobre «Contos nerviosos»

O xornal El Correo Gallego (22/01/2017) publicou unha recensión crítica de Mar Fernández Vázquez sobre Contos nerviosos. (Fotografía de cabeceira: Libros Lectureka).

Personaxes inesperados

Uns contos nerviosos polo evoluír dos conflitos

 

Contos-nerviosos-pequenaFran Alonso (Vigo, 1963) sorprende coa constante renovación pola que aposta en cada nova obra. A reiterada procura da innovación formal e temática marca a súa escrita narrativa e poética, ben a encadrada na Literatura Infantil e Xuvenil ben na Literatura de adultos. Son boa mostra as súas últimas obras infantís: Poemas birollos para ler cos ollos (Xerais, 2016), recensionada por Isabel Mociño o 23 de outubro; e o volume narrativo que nos ocupa.

Contos nerviosos (Embora, 2016) propicia un debate sobre a autonomía dos personaxes e os trazos formais dos contos. Catro personaxes, situados fóra dos cánones tipificados, convértense nos respectivos protagonistas das catro historias. Fran Alonso preséntaos como meros recursos que move ao chou durante o proceso creativo da escrita da obra. Emprega esta peculiar ollada autorial coa finalidade de rachar coas marxes xenéricas e amosar o evoluír dos personaxes respecto ao contexto, a acción e sobre todo á innovación temática e formal. Os catro contos do volume comparten unha trama iniciada in media res, un final aberto e un conflito individual de cada protagonista que lle impide vivir sentíndose completamente integrado na sociedade. Así mesmo desenvólvese o proceso de transformación do conflito, materializado grazas á intervención de persoas próximas e ao manexo de elementos externos, que simbolizan as convencións sociais e posibilitan derribar os muros imaxinarios que os personaxes crearan para autoconvencerse da imposibilidade de formar parte da sociedade.

No caso de Amelio, protagonista do primeiro conto, o conflito é a contaminación acústica, que resulta imperceptible para o resto da xente. Para a nena que esqueceu quen é, o conflito xorde das inquisitivas mensaxes que recibe a cotío, onde se afirma rotundamente “sabemos quen es”. Para o neno afeccionado aos videoxogos, o detonante do conflito é a liberdade de experimentar cun xogo interactivo e en aparencia intrascendente, sen pensar e medir as consecuencias das accións emprendidas durante o xogo. E a soberbia da cuarta protagonista, a Raíña, para decidir sen criterio e gozar impoñendo os seus caprichos aos convidados ao seu aniversario determina que o conflito inicial remate coa ridiculización da nena, para que así sufra a vergoña de deixarse levar pola rabia contra os convidados; perder o control da situación e ser, desde ese momento, obxecto de mofa por parte deles.

Mar Fernández Vázquez