Fran Alonso revoluciona con «Poétic@» a interrelación entre poesía e redes

O xornal tecnolóxico Código Cero publica unha información sobre Poética, o libro de poesía electrónica de Fran Alonso.

FRAN ALONSO REVOLUCIONA CON POETIC@ A INTERRELACIÓN ENTRE POESÍA E REDES

Redacción

 

 

Crear é experimentar. O labor literario, artístico, plástico, adquire cotas referenciais cando se trata de procurar o novo, o nunca visto, homenaxeando ao mesmo tempo todo o que se fixera até ese intre. Buscar en todo o sentido termo semella ser un dos piares da web Poetic@.gal, unha nova iniciativa en liña que é coma unha praza dixital con múltiples vieiros que desembocan nela, que parten dela, e cuxas contornas artéllanse nas seguintes áreas/seccións:Teoría do banalCiberpoesía,Epitafio e Postdata. A “praza dixital” foi argallada e inaugurada polo escritor galego Fran Alonso, autor de obras tan referenciais como SilencioMales de cabeza ou o libro de poemas Transición, achegas nas que latexaba, noutro formato, a mesma arela de innovación que vén de propiciar Poetic@.gal.
No texto de presentación da web fornécense unhas cantas claves sobre a natureza do novo proxecto de Fran Alonso: “Múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do slogan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa”. Polo tanto, como ben lembran dende a canle dixital do CCG, estamos ante unha páxina que amais de complementar o texto literario que lle dá nome e do que abrolla (o poemarioPoetic@s), afonda en como se relacionan todos os seus elementos, impulsando o debate sobre as razóns de ser da poesía cunha obra participativa “na que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema”, engade o autor. E así co resto dos elementos multimedia que acompañan a obra/web e que son tan ricos, por separado e en conxunto, como para influír decididamente nas sensacións que nos provocan os poemas.
Segundo apunta o Consello da Cultura Galega, estamos sen dúbida ante un proxecto pioneiro no desenvolvemento da poesía electrónica en Galicia. Non só por todo o devandito, senón pola extensa variedade dos elementos que agardan polo lector que se mergulle nestas páxinas: vídeos, fotografías, audio de recitados, ambientes sonoros, tests, adiviñas, sinaturas en liña ou ligazóns externas. O propio Alonso explica que a intención era “meter un pouco de todo, sobre todo das redes sociais. Tiña moito interese en Twitter, Tumblr e Facebook. Pero en xeral os recursos que introducín eran os que ía pedindo o texto”.