Fran Alonso reedita un dos seus libros máis emblemáticos: «Cemiterio de elefantes. Reportaxe de Mar Pichel»

Mar Pichel publicou en Galicia Hoxe (09/08/2007) unha reportaxe sobre Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso, do que se publica a 6ª edición, en novo formato e revisado polo autor.

O latexo angustiante da noite

Fran Alonso fai unha crónica da vida nocturna viguesa

A noite é “un enigma xigantesco” onde todo pode pasar e por iso, Fran

Cemiterio de elefantes

Alonso lle deu á noite o protagonismo de Cemiterio de elefantes, unha colección de relatos que o escritor vigués publicara en 1994 e que agora recupera Xerais na súa sexta edición como unha das súas apostas para o verán.

Tal e como explica Fran Alonso, este compendio de relatos “xorde da miña experiencia vital, despois dunha época na que vivín intensamente a noite”. É “unha homenaxe a todas as persoas que traballan durante a noite, que teñen que enfrontarse a ela”. A noite garda para todos un encanto: é irrestible para os que “chegan a vivir exclusivamente para ela”, pero tamén é perversa e “acaba por devorar os máis indefensos”, almas perdidas envoltas nunha atmosfera que os atrapa e xa non queren deixar o seu refuxio de barras de bar porque temen que o ritmo imposto polos raios do sol acabe con eles. O propio título é unha metáfora que reflicte o lugar onde habitan as ideas caducas e as persoas que acaban sendo vencidas pola nocturnidade.

“A noite -di o autor- ten algo especial”. Péchanos nunha aura na que conflúen o misterio e a maxia, cun “latexo vital moi distinto ao día. É máis angustiante pero tamén máis tranquila”. Eses “ritmos máis acougados” converten a noite na parte “máis apta para que as persoas se atopen a si mesmas”, ten un certo “poder catártico”, xa que “as persoas poden ver nela cousas que os ritmos diurnos non lle permiten”.

En Cemiterio de elefantes Fran Alonso trata de mostrar “a estética da noite” a través dun percorrido pola vida nocturna de Vigo e os seus habitantes, vampiros anónimos que todos os días se enfrontan aos perigos, angustias e paixóns que se levantan ao acabar o día. O silencio, aparece retratado para “representar a soidade” duns personaxes moi distintos, pero conectados polos efectos das horas escuras do día. “Non é a noite dun sábado a que aparece no libro”, explica o autor, “é a crónica nocturna de todos os días” para así reflectir os distintos personaxes que lle dan vida, cada un coas súas inquietudes e frustacións. Dende que cae a noite sobre a cidade olívica, ás 12.00 AM, ata que comeza un novo amencer, ás 8.00, Fran Alonso presenta unha serie de relatos nos que aparece unha fauna nocturna formada por camareiros, traballadores da recollida do lixo, xornalistas, farmacéuticos, travestis, estudantes… que cada día, puntuais á media noite inician unha viaxe interior na se descobren a si mesmos mentres se deixan caer nunha atmosfera que os chama.

DATOS

O título base na obra do escritor

O libro “Cemiterio de elefantes” artéllase en relatos nos que os distintos personaxes aparecen relacionados para reforzar a idea da noite como punto en común entre eles. Con esta vinculación, interna na que os protagonistas están conectados sen que eles o saiban, “transgrédese o ámbito do relato e o libro faise máis compacto e a lectura máis agradable”. Pero aínda hai un segundo nivel de vinculación e é que “Cemiterio de elefantes” é “a base de todos os libros” de Fran Alonso. “Personaxes e lugares que aparecen aquí repítense en obras posteriores como en “Silencio” (1995), outros naceron antes e retómanse en “Cemiterio de elefantes” como é o caso de personaxes creadas en “Tráiler” (1991).