Fran Alonso publica «Poétic@», un paso decisivo para a literatura electrónica en galego

Poétic@

Fran Alonso acaba de publicar Poétic@, un poemario que supón un paso decisivo para a literatura electrónica en lingua galega e unha aposta innovadora dentro do ámbito do panorama literario internacional de hoxe, onde apenas existen referentes que se asemellen a esta proposta. Poétic@ ofrécese en galego, castelán e portugués e está habilitado para lerse en pantallas de ordenador, tabletas e móviles.

Nunha recente entrevista de Carlos Loureiro en Noticieirogalego.com, Fran Alonso aseguraba que «a rede, a estas alturas iniciáticas da historia, é unha oportunidade, e unha oportunidade que non debemos desaproveitar nin, por suposto, menosprezar». O escritor tamén calificaba o proceso creativo, logo dun ano traballando exclusivamente online, como «esgotador», aínda que matizaba: «foi un proceso esgotador, un proceso moi duro e caro, pero que me anovou o entusiasmo. E eu creo que o resultado dese proceso creativo é un primeiro paso relevante de literatura electrónica para a cultura galega. Estou moi contento co resultado»

Editado polo propio Fran Alonso baixo o selo Pitipoto, o deseño e o desenvolvemento web foi realizado por Estudi Llimona, radicado en Palma de Mallorca, e o autor asumiu tamén o lento e traballoso proceso de maquetación online, proceso que produciu modificacións no propio texto, alterando o proceso creativo.

De acceso libre e aberto, Poética aborda a poesía dixital e transmedia, explorando as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías na creación literaria a través dun discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos.

O libro supera o concepto tradicional de poema para acomodarse no máis acaído de «instalación poética» e constrúese botando man de distintas linguaxes contemporáneas que comparten un espírito lúdico e provocador, contraditorio, que confunde, experimenta, investiga e dá lugar a un poemario diferente, multifocal e polidiscursivo, fragmentario, irónico, no que as propias citas doutros/as creadores/as se incorporan ao texto formando parte indisociable de cada instalación poética.

Poétic@ dótase, a través da web, de formas comunicativas mestizas, de carácter interno ou externo, que se funden co texto para tecer unha estrutura con fasquía de arañeira. Nela, os seus múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do eslógan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa.

Recoñecendo as dificultades da sociedade actual para distinguir entre o banal e o transcendente, desde un sentido do humor irónico e transgresor, Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías.