Fran Alonso: «Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura»

fran_micro

O xornal Sermos Galiza publicou unha entrevista de Carme Vidal a Fran Alonso sobre Poétic@, o seu novo libro, de poesía electrónica e transmedia ao que se pode acceder libremente en www.poetica.gal

 

FRAN ALONSO, ESCRITOR

«Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura»

Poétic@ inaugura novas formas de creación e lectura para a poesía. Instalación poética, hiperlibro ou poesía dixital,  coa súa nova obra  Fran Alonso achéganos ás posibilidades da rede para o discurso poético no Día Mundial da Poesía que se conmemora este 21 de marzo.

CARME VIDAL. A nova obra do escritor Fran Alonso, de acceso libre, convida a reflexionar sobre a escrita e recepción da poesía, a divulgación, as posibilidades de interconexión a través da rede e mesmo sobre o propio concepto de obra literaria.

-Que mudanzas supón un proxecto como Poétic@ no proceso creativo da escrita?

Os cambios empezaron xa no papel, no proceso de escrita inicial. Pensei o poemario xa con estrutura de rede, con internet na cabeza. Nace desde esa intención e iso facilitou moitas cousas. Foi a primeira fase onde se crean todos os circuítos internos que fan remitir dunha cita a un poema, dun poema a outro… de forma fragmentaria. Tiven que asimilar o proceso online, das plataformas, botando man da tecnoloxía e dos expertos e entra aí unha nova dimensión que aporta novo valor, significados, recursos… outra forma de entender a relación co texto, que condiciona todo. Por exemplo, eu non tiña títulos en moitos poemas e tiven que poñelos porque cada páxina precisaba unha url distinta, é dicir, condicionaba o propio proceso creativo. Todo isto acontece na ciberescrita, que ten os seus condicionantes, mais témonos que afacer a traballar desta maneira.

-Unha das cuestións que se presentan é cando se remata a obra. Na edición en libro era fácil, cando saía publicado. Poderíase estar modificando sen límite…

A xente di que é inabarcábel, que unha ligazón leva a outra, que comezas a xogar e desviarte e acabas navegando de forma caótica, deixándote absorber polo propio xogo. Iso mesmo sucedeume como creador. Iso comentáballo a Cris de Estudi1Llimona, de Palma de Mallorca , con quen traballei na elaboración do soporte. Tiñamos unha xuntanza semanal a través de skipe e dicíalle que era terríbel, que arrastraba. Mesmo agora podería seguir engadindo algo. O libro poderíase manter vivo.

-Muda entón tamén o concepto de “obra” como produto rematado?

Agora existe a posibilidade de ter unha obra en proceso de creación permanente.Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura. Non sei como se verá isto dentro de vinte anos. Sospeito que isto vai mudar substancialmente, camiñamos de forma decidida cara o dixital e, neste sentido, dáse unha dimensión participativa na obra literaria. O lector deixa de ser un axente pasivo no concepto tradicional.

-Ese lector que deixa de ser pasivo débese á posibilidade de poder optar polas múltiples lecturas que ofrece o entorno dixital?

Cando picas nos enlaces e  déixaste levar polo entramado de ligazóns, comezas a navegar de forma autónoma e trazas o teu propio itinerario. De todas maneiras, neste caso nós quixemos darlle un certo deseño de páxina que evoca o libro físico, mesmo con ese branco roto da calidez do papel, para lembrar que estamos diante dun libro máis no que a normas e regras de xogo son distintas.

“Camiñamos de forma decidida cara o dixital e, neste sentido, dáse unha dimensión participativa na obra literaria”.

-Unha das posibilidades desa lectura en espiral é que vostede, como autor, pode convocar na súa obra outros autores, ademais, en diversos soportes.

Trátase dun valor engadido moi significativo. Desde o propio texto intento chegar á expresión de instalación poética. Nese sentido, hai poemas que están conformados mesmo só por citas. Tamén pode ser en papel, mais aquí hai un discurso que nos leva á creación doutras persoas, mesmo con conceptos antagónicos. Ás veces manteño unha determinada tese e para crear contradición introduzo unha cita, vídeo ou ligazón antagónico. É unha maneira de confrontar, de crear contradiscurso e poñer todo en cuestión nun libro que intenta debater a dificultade entre o importante e o banal. Aliméntome de forma significativa coa aportación deses outros creadores.

-Esa cita activa, hipertextos e enlaces, obrigan a repensar o concepto de dereitos de autoría na rede?

Os vellos conceptos están caducos. Hai que habilitar novas fórmulas e temos que ir a unha consideración distinta do que son as citas e os dereitos de autor. Eu teño varios tipos de estratexias para agregar ese contido, unha é incorporando á propia páxina e outro a través de enlace, ás veces nunha ventá emerxente e outras a través de enlace, a veces nunha ventá emerxente. O que fago é traer contidos que na rede se forma habitual, aliméntome co tecido da propia rede. A Lei da propiedade intelectual, a pesar de ser nova, está xa caduca. A lexislación terá que incorporar a nova casuística. Cando menos temporalmente, terémonos que guiar por pactos de boa vontade e, nese sentido, o meu traballo, por exemplo, compártese con licencia creative commons.

“Os vellos conceptos están caducos. Hai que habilitar novas fórmulas e temos que ir a unha consideración distinta do que son as citas e os dereitos de autor”.

-Hiperlibro de poemas, instalación poética, poesía dixital, transmedia, electrónica… que definición acae mellor a Poétic@?

Atopar as palabras xustas é complexo neste ámbito tecnolóxico no que o corpus léxico medra a toda presa e incorpora novas palabras que temos que estar continuamente consultando. Non sabería dicilo ben mais está claro que é un hiperlibro porque non só está o que que fago, a través del podes descubrir outras persoas que son autoras, de poesía e doutros ámbitos.

-O soporte permite, poño por caso, que o público lector se poda atopar non co texto senón mesmo co propio poeta recitando ao vivo os seus versos… 

No libro aparezo en varios planos. Un deles é audio no que versiono algúns dos poemas, logo hai ligazóns a outros arquivos de audio que non son do propio libro e logo están os vídeos nos que aparezo. Son complementares á linguaxe poética que non é só textual senón tamén audiovisual e mesmo iconográfica xa que están incorporados os emoticonos. O libro fai unha reflexión ácida e corrosiva sobre a propia poesía e os seus mitos e non podería ser crítico se non o fose comigo mesmo. Ese é o outro plano no que aparezo, rindo de min mesmo.

-Por vez primeira na entrevista aparece o contido da obra, non teme que o peso da arquitectura sobarde a condición literaria da obra?

Penseino. Polo seu carácter novidoso pode suceder que o texto fique solapado e agochado en función da forma. Pode suceder, quizais tamén polo seu carácter informal, por ese humor pouco habitual do texto, que nin sequera é normal para min.

-«A poesía é un xénero/ tan sublime/ que non atopa lectores/ para tanta grandeza». Poétic@ responde con ironía á solemnidade da poesía? 

Foi unha das intencións desde o principio e niso radica ese discurso humorístico. É  un poemario que pretende achegarse, estar máis cerca, abandonar e criticar a solemnnidade para facerse máis cotiá e máis próxima cun discurso que sexa capaz de conectar cun lectorado máis amplo.

-Vostede mesmo ten definido a obra como «corrosiva», pode ferir sensibilidades de quen defende esa condición trascendente da poesía?

No libro recóllese un discurso contraditorio, a veces mantéñense teses que se rebaten. Forma parte de que a poesía é ampla e variada e admite polidiscursos, non ten por que ser monolítica. O que acontece é que procedemos dunha tradición e, por cuestións políticas e culturais, vivimos á defensiva e iso roubounos o humor. Tamén a min me pasa,  na vida cotiá manéxome con moito humor e cando reviso o que escribo vexo que non desaparece, por que? Porque procedemos dunha tradición transcendente na que case non houbo espazo para o humor que é o que nos fai sobrevivir, salvar. O humor fai que nos riamos de nós mesmos e permite vernos con ollos autocríticos. En Poétic@ este discurso está omnipresente.

“Estamos máis necesitados que nunca de divulgar a nosa produción cultural”.

 

 

-Poétic@ publicado en varios idiomas e de acceso gratuíto, pode acadar novos públicos para a poesía?

É un enigma, supoño que si. A impresión que me dá polos comentarios que a xente me fai principalmente a través de twitter é que se enganchan ao libro e esta é unha nova maneira de achegarse á poesía, igual que Poetízateconseguiu moitos novos lectores. Con novas formas de lectura poden vir tamén novos lectores.

-Obras súas como a propia antoloxía Poetízate que vén de citar ou o libro O meu gato é un poeta falan desa teima súa por achegar a poesía á xente nova…

Considero que é necesario divulgar a poesía, facela asequíbel e achegala á xente que moitas veces non está próxima por prexuízos. Vivimos un momento histórico moi complexo para a lingua. A cultura a a lingua galega precisan dunha palabra: divulgación. Estamos máis necesitados que nunca de divulgar a nosa produción cultural. Centrámonos na creación e o futuro está aí. Toda a excelencia do que se fai precisa chegar aos lectores e lectoras en todos os ámbitos da arte, da creación e a cultura. As institucións públicas debían estar traballando nese aspecto con intensidade e se non o fan é porque son absolutamente torpes. Un país que non é quen de proxectar a súa cultura non é quen tampouco de captar recursos económicos. Atraer proxectos e investimentos non se pode basear en vídeos de Enrique Iglesias senón en exportar un país potente con proxección internacional.

-A rede facilita esa proxección internacional?

A rede abre ese enorme caixón de oportunidades para traspasar fronteiras. Internet non ten barreiras e esa é unha das súas vantaxes.

-O deseño e produción dunha obra como Poétic@ é custoso e, en principio, non semella que incorpore mecanismos para que ese investimento teña retorno. 

Hoxendia non hai modelo establecido que permita non digo xa gañar diñeiro senón mesmo amortizar o gasto. Para unha editora apostar por unha iniciativa así é moi complexo porque o beneficio non é económico senón a divulgación do propio traballo. Compre telo en conta e sobre iso tamén hai que reflexionar. Teño a intuición, de todas maneiras, que este tipo de plataformas se van abaratar e incluso que futuros creadores terán coñecementos técnicos para botalas a andar por si mesmos. Supoño que tamén nese aspecto todo está a mudar.

-Coida que está a inaugurar un camiño polo que transitarán máis creadores e creadoras?

Estou certo de que hai proxectos literarios nesta liña que se me escapan, agora, no que coñezo non se parece ao que eu fixen en Poétic@.  Tanto a deseñadora coma min tiñamos claro isto e, nese sentido, si creo que pode abrir camiños e non só iso senón servir como acicate, animar á xente a explorar a creación electrónica e dixital. Supoño que no futuro se verá como algo exploratorio e iniciático.

-«O meu hipertexto afogou no papel», di. O tránsito é sen volta, con dirección cara o dixital? Que futuro lle queda á edición en papel?

Durante un tempo darase a convivencia entre ambos. Eu mesmo non abandono o papel mais todo apunta a que o ámbito dixital sexa o que se impoña. Se a lectura en papel ten futuro, a creación en papel tamén o terá. Gran parte dos creadores funcionan impulsados pola evolución no ámbito da lectura.

-Nun tempo como o que estamos a atravesar que papel lle queda ao poeta?

Se aos escritores lles queda algo de voz é por ese prestixio mínimo que aínda manteñen, vencellado ao do libro, mais é mínimo e a voz dos poetas e escritores en xeral está cada vez máis apagada. Vivimos nun mundo de cambio vertixinoso e compre reivindicar o papel que merece a literatura, mais desde a honestidade e a humildade.