Fran Alonso: O dominio da linguaxe é unha forma de poder

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Cándida Andaluz a Fran Alonso, sobre a transmisión da poesía ao público infantil e xuvenil.

«O dominio da linguaxe é unha forma de poder»

O escritor participa hoxe nunha nova charla do Ciclo de Literatura Infantil «Música e Poesía dende a primeira infancia»

Prosegue no campus o Ciclo de Literatura Infantil «Música e Poesía dende a primeira infancia». Hoxe, o escritor Fran Alonso presenta a charla titulada «Poesía, a música da vida».

—De qué falará aos futuros mestres?

—Máis que unha charla clásica o que farei é un espectáculo para explicar como transmitir a poesía aos rapaces. De que forma, con que palabras, enfoque… De como facela próxima. Desmitificando o concepto da poesía como algo afastado, ás veces sentimental, romántico ou difícil. Neste tema hai moitos tópicos.

—Como se achega a poesía aos nenos?

—O primeiro é mostrala como algo moi próximo, moitas veces máis do que lles parece. A poesía está na vida. Acompáñanos dende que nacemos, dende as nanas e arrolos, nas letras dos xogos e cancións infantís. Tanto a infancia como a adolescencia son dous momentos fundamentais paGatopoeta_discolibrora conectar coa poesía. Pero moitas veces os propios adultos somos os que lle temos medo. Parece que nos afastamos dela porque lle temos respecto.

—Por que hai tantos tópicos coa poesía?

—En parte hai unha visión acorada no pasado. Vén dende o romanticismo. Ás veces os propios poetas provocámolas e facemos que perduren. Que se vexa ao poeta como un ser superior que está conectado con deuses de todo tipo [ri], cun perfil elitista. E é todo o contrario. Dicía Celso Emilio Ferreiro: «A poesía está nas cousas que nos acompañan a diario».

—Que ofrece este estilo literario ao rapaces?

—Moitas cousas. A poesía está no xogo, mesmo na publicidade que usa as súas formas para impactar no espectador. Os nenos debe ser conscientes de que xogando coa palabra se domina. E o dominio da linguaxe é unha forma de poder á que pode acceder calquera. Nada nos fai máis poderosos que dominar a linguaxe, poder dicir exactamente o que queremos dicir. E cando o neno é consciente disto refórzao en todos os sentidos. Os lemas políticos tamén o fan. No libro «O meu gato é un poeta», falo un pouco disto. Hai pouco estaba fascinado cunha pancarta que vía cando ía ao traballo que dicía: ‘Eles prometen a lúa, nós defendemos á terra’. Paréceme excepcional como unha protesta social, tan crúa, utilizaba a poesía para mostrarse. Vese que serve para falar de todo e que pode utilizar todo tipo de palabras. Incluso ‘Merda’, que foi utilizada para un poema de Celso Emilio Ferreiro.

—Cal é o papel dos mestres?

—É fundamental que os futuros mestres transmitan o amor pola poesía, sen ter tan en conta o contido.

Cándida Andaluz