Fran Alonso: “Gustaríame abordar, nun ensaio, cousas intrascendentes”

 

O tempo como obra literaria

 
ENTREVISTA CON FRAN ALONSO (Atlántico Diario, 19 outubro 2008), por Manuel Vidal Villaverde

A escrita é fundamental na túa vida?
—Habería que preguntarse que significa fundamental. A escrita é a miña vocación, o que sempre quixen facer desde neno. Ora ben, non me gusta sacralizar a escrita. Desde logo, non é imprescindible na miña vida, aínda que grazas a escrita a miña vida é dun xeito e non doutro. Eu débolle moito, moitísimo, á escrita, pero en ningún caso estou disposto a pagarlle coa vida.

De todo canto levas escrito, facendo autocrítica, con cal dos teus libros te quedarías?
—Os escritores somos hiperprotectores, porque tratamos os nosos libros como fillos. Ademais, eu concibo a miña obra como unha totalidade que se autoalimenta e se complementa. Con todo, os escritores tendemos a indentificarnos máis co último que escribimos. Evidentemente, con cada libro adquirimos un maior control sobre o que facemos. Se teño que citar, diríache Males de cabeza e Subversións, pero tamén me identifico profundamente con Cartas de amor, o último que escribín.

Proximamente vas publicar, ata onde eu sei, dous libros… Podes falarme algo deles?
—Podo falar de Un país a medio facer, que tardará un mes en publicarse. É un libro que, a través de textos seleccionados do meu traballo como xornalista, trata de trazar unha liña na evolución cultural deste país desde hai 20 anos ata hoxe partindo de entrevistas con persoas relevantes da cultura galega.

—Cal é a imaxe que Fran Alonso podes e queres debuxar do tempo?
—Para min, a mellor metáfora do tempo é a miña obra literaria. Cando se ten un proxecto creativo, tamén existe medo a que quede inacabado. Cada un dos meus libros dáme extraordinariamente a medida do tempo. O proceso creativo tamén é unha loita contra reloxo.

Escríbese máis do que se le?
—A escrita é unha ferramenta da que toda a xente pode botar man, e resulta unha experiencia moi positiva. Outra cousa é publicar. Non todo o mundo está capacitado para publicar. O que se ve moitas veces é un intento de ser escritor sen, previamente, ser lector, e iso é imposible. É como querer ser arquitecto sen saber debuxar un plano. Ademais, a lectura debe estar na base de calquera sociedade moderna actual.

—Entre a poesía, a narrativa e o ensaio, cal é a túa percepción?
—Eu considérome un escritor todoterreo e ese é un dos meus retos como escritor. Un escritor debe saber manexar as palabras en calquera circunstancia ou forma. A poesía paréceme complexa, na narrativa estou máis cómodo e o ensaio é un reto difícil.

Que libro che gustaría escribir que aínda non escriches?
—Pois gustaríame abordar, nun ensaio, cousas intrascendentes, esas ás que a historia da cultura ou do pensamento non lle prestan atención, pero que están na cotianidade da nosa vida diaria e que, en definitiva, nos condicionan moito máis do que parece.