Fran Alonso escribirá diariamente en Twitter un poemario baixo o título de «Estado de Malestar», explorando as posibilidades expresivas da literatura galega nas redes sociais

desdeaslatrinasEstado de Malestar. Ese é o título elixido por Fran Alonso para o libro de poemas que escribirá diariamente en Twitter dentro do proxecto inherente á súa obra de explorar as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías. A cabeceira da conta de Twitter empregada (@Tw140Poemas) reproduce unha fotografía que o propio Fran Alonso fixo sobre unha instalación da artista plástica portuguesa Patricia Sumares exposta no Centro John Dos Passos de Ponta do Sol (Madeira) e titulada «Tu és pó e ao pó voltarás II».

O texto de presentación da obra que Fran Alonso pretende escribir di o seguinte: «Desde as latrinas da vida ao fulgor da lúa, Estado de Malestar é un berro de versos en Twitter escrito por Fran Alonso. Un poema ao día en estado de excepción».

Aínda que existen diversos precedentes ao respecto na literatura electrónica, que explorou Twitter case desde a súa aparición, sen dúbida, trátase dun reto, en primeiro lugar porque o propio autor recoñece que «elixín o título pero aínda non teño moi claro por que camiños me vai levar esta escrita fugacísima pero intensa; en todo caso a miña intención é procurar unha dimensión íntima que, desde o agocho da metáfora, remita a unha ollada social»; e, en segundo lugar, porque a tensión de escribir un poema diario cun máximo de 140 caracteres tampouco parece doada: «de feito, non sei se serei quen de publicar ese poetuit diario, non sei se serei quen de facelo e de facelo coa calidade necesaria, pero, en todo caso, vouno intentar». O autor mostra a súa preocupación polo posible resultado, pero non renuncia ao proxecto: «se cadra lle vai faltar unidade, ou solidez, ou homoxeneidade, pero en todo o caso paga a pena probar porque a literatura, sen arriscar, perde a súa esencia».

O título da obra, Estado de Malestar, xoga cun determinado estado do proceso anímico que se detecta socialmente e que ironiza a partir do antónimo do propio concepto de «estado de benestar», pero tamén afonda nunha percepción íntima e persoal do social, do espazo público, que, ademais, nas redes sociais se mestura co privado ata confundirse.

O día elixido para a publicación do primeiro tuit é o mércores 30 de novembro. «Non é unha data elixida ao azar –di Fran Alonso–, eu quería ofrecer o primeiro poema no mes de Novembro porque foi precisamente en Novembro, hai trece anos, cando inaugurei a miña relación co ciberespazo xa que nese mes de 2003 naceu Cabrafanada, un dos blogs máis antigos do blogomillo e dos poucos que aínda continúan vivos».

A relación de Fran Alonso, a través da literatura, coas novas tecnoloxías e as redes sociais naceu, precisamente, da creación dese blog, que pasou por sucesivas etapas, pero tamén por outras apostas, algunha tan relevantes como o libro de ciberliteratura crossmedia Poéti@ (2015), que recibiu o I Premio Gala do Libro Galego ao mellor proxecto literario en Internet e publicouse en galego, portugués e español. Pero xa anteriormente Fran Alonso explorara as posibilidades da escrita e a edición estendida a través da web gatopoeta.net, unha web que complementa, desde a interacción lectora, o seu libro de poesía infantil O meu gato é un poeta (2011) e á que se accede cun contrasinal que está no propio libro. No ámbito da poesía infantil, Fran Alonso reiterou este mesmo ano a súa vontade de significar a relación entre poesía e xogo a través do proceso de gamificación dun dos poemas incluídos no seu libro de poesía visual Poemas birollos para ler cos ollos (2016); o poema foi convertido nun videoxogo a través da linguaxe de programación Scratch, videoxogo ao que se pode acceder en aberto.

Con todo, esa aposta literaria polos novos formatos e formas de lectura naceu mesmo antes da aparición do seu blog Cabrafanada, xa que durante todo o mes de xaneiro de 2001, o escritor puxo o seu libro Males de cabeza en formato pdf e descarga libre a disposición dos internautas desde o xornal dixital Vieiros durante un mes e antes da súa publicación en papel. En calquera caso, a interdisciplinaridade da súa obra literaria quedou patente non só na procura de linguaxes que se funden, como acontece no seu poemario Balada solitaria (2004), que integra e fusiona as fotografías do portugués Renato Roque cos seus propios textos, senón tamén na preocupación pola voz, a música e o espazo sonoro que quedou patente no CD do seu libro de poemas Transición, onde recita con María Lado, ou na proposta poético-musical que realizou con Xurxo Souto no CD de O meu gato é un poeta. Así mesmo, evidénciase tamén na súa determinación por ilustrar os seus propios libros de poesía infantil a través de procedementos informáticos partindo do deseño, a tipografía e a fotografía. Esa aposta pasa por ofrecer aos seus lectores e lectoras textos accesibles exclusivamente desde Internet como Contesta ou disparo (2011).