Fran Alonso e os hiperversos

Culturagalega.org, o portal do Consello da Cultura Galega publicou unha reportaxe sobre Poétic@, o libro de poesía electrónica de Fran Alonso.

Fran Alonso e os hiperversos

A poesía dixital galega avanza da man de Poetic@, último lanzamento deste autor

 

Poetic@s é un poemario, cos seus números de páxina e todo. E pode ser lido como tal, verso a verso de seguido ou alternando textos. No entanto, detrás deste título agóchase tamén unha das propostas máis anovadoras da lírica galega. Logo de anos de traballo, Fran Alonso presentaba a pasada semana un proxecto multimedia, cheo de ligazóns e xogos co lector que só se atreve a definir como “instalación poética”. Un labirinto literario no que nos adentramos da man do seu autor.
A pasada semana abría o web Poetic@.gal. Un estraño remexido de textos, con versións en galego, portugués e castelán, con ligazóns e todo tipo de agregados no que, organizados nas seccións Teoría do banalCiberpoesíaEpitafio e Postdata, Fran Alonso daba renda solta á súa creatividade multimedia. Segundo explica no texto de presentación do proxecto, “múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do slogan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa”. A proposta non busca unicamente complementar o texto literario, senón explorar a interrelación de todos os elementos. “Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías”, sinala a presentación do proxecto.

Multimedia

 

Os elementos multimedia modifican en moitos casos a lectura ou a percepción dos poemas polos usuarios, e mesmo chegaron a condicionar a escrita de determinados versos. “As linguaxes máis iconográficas ían modificando moitas veces o propio discurso do poema. Achegaban novos significados e mesmo mudaban completamente o texto mediante a contradición e a ironía. Isto ao comezo desconcertábame, pero logo vin que era unha marabilla e que lle daba novas dimensións á obra”, explica o autor. Canda a isto, “tiven que mudar frases e palabras ou buscar disposicións gráficas máis axeitadas para cada poema. Algo que semella unha parvada é que o feito de que cada páxina teña que ter unha URL implicou que lle tivese que pór título a todos os poemas, cando nun comezo moitos non o tiñan. Isto tamén me permitiu afondar no xogo da ironía”.

 

Do papel á rede

A iniciativa supón un proxecto pioneiro no desenvolvemento da poesía electrónica en Galicia. “O proxecto naceu sobre o papel” recoñece Alonso. “Na primeira fase escribino de xeito convencional entre 2008 e 2010, pero xa tiña unha estrutura pensada para a rede. A idea das ligazóns internas xa estaba aí”. Malia á decidida aposta polo dixital a pegada analóxica está presente na obra, por exemplo nos números de páxina que acompañan os diferentes poemas. “Foi algo que fixemos para darlle aspecto de libro. Tamén empregamos un branco roto para dar certa textura de papel e un sombreado que insinúa esas páxinas”. Para alén desa aparencia, e de introducir elementos como a capa, o índice ou o limiar, a experiencia Poétic@ transcende en moito o concepto de volume, e o propio autor chega a definir a obra como unha “instalación poética”. Vídeo, fotografías, audio de recitados, ambientes sonoros, tests, adiviñas, sinaturas en liña ou ligazóns externas son algúns dos recursos cos que se vai atopar o lector. Segundo segura Alonso “quería meter un pouco de todo, sobre todo das redes sociais. Tiña moito interese en Twitter, Tumblr e Facebook. Pero en xeral os recursos que introducín eran os que ía pedindo o texto”. Así, segundo asegura, a procura e creación de elementos multimedia para este proxecto ocuparon boa parte do proceso de elaboración. “O último ano traballei exclusivamente en liña e foi moi intenso, mesmo acabei cunha inflamación ocular de tanto ollar a pantalla”.

 

 

Aprendizaxe técnica

A dificultade de levar á práctica este formato demorou o lanzamento e fixo que o autor lle dese prioridade outros proxectos como foi o lanzamento de Transición en 2011. “Un poema como «O meu hipertexto afogou no papel» expresa a imposibilidade de levar a práctica o proxecto naquel momento. As ferramentas web non estaban tan desenvolvidas como hoxe e non vía como o publicar na rede”. Así pois, o proceso de escrita foi tamén un período de aprendizaxe informático para Alonso, que se formou nas linguaxes da rede ata o punto que el mesmo puido deseñar o seu novo web. “Ao longo destes anos seguino reescribindo e a medida que se foron desenvolvendo as posibilidades técnicas vin que era o momento de poder publicalo e facer algo na rede”. O proxecto, autoeditado e dispoñible libremente en Poetica.gal desenvolveuse en colaboración co estudio gráfico Estudi Llimona.

 

 

Metapoesía

As mencións constantes que fai o autor á ironía e ás duplas lecturas non son gratuítas, xa que o eixe do propio poemario é a reflexión sobre a propia poesía. “É un texto irreverente, que busca a polémica e no que desenvolvo un discurso moi corrosivo a cuestionar a propia esencia da poesía e os seus mitos e tópicos”. Nese sentido, recoñece que “non sei moi ben como vai ser recibido pola crítica, aínda que polo momento, logo dunha semana publicado, estou moi contento polas reaccións das xente nas redes sociais, isto anima moito. A verdade é que o día antes de o publicar estaba moi desconcertado e non sabía como se ia acoller”.

 

 

Guía de lectura

Para os lectores que se queiran achegar a este complexo labirinto de ligazóns, sons, vídeos e contidos de todo tipo, o autor só fai unha recomendación, “liberdade absoluta. Cadaquén que lea como lle apeteza, a darlle preferencia aos textos ou atendendo ás ligazóns. Hai moitos xeito de ler a obra”. Segundo el, “a grande potencia da rede é esa lectura fragmentaria e desordenada”. Mais achega alternativas. Para alén dunha lectura lineal a seguir a orde dos textos proposta no índice, Alonso tamén deseñou “un percorrido interno, xa que as ligazóns van dun lugar a outro” da obra e que pode seguir o lector. De todos os estraños contidos que se poden atopar no proxecto, o autor dubida enormemente á hora de destacar algún. Finalmente recoñece que que lle gusta especialmente “o da entrada, unha foto miña que fixen cun peixe no que, se premes, se escoita unha gargallada. Penso que dá un pouco conta das intencións do poemario”.

A ignorar aínda como continuará a recepción deste proxecto, Alonso sinala o seu interese por seguir a investigar as posibilidades da literatura na rede. “A literatura dixital ten moito por diante, este é un primeiro paso. Penso seguir traballando nela pero non sei en que medida. Penso que a rede estivo sempre presente nas miñas intencións”. Aínda que non descarta desenvolver presentacións públicas desta iniciativa, polo momento o percorrido de Poétic@ vai ser exclusivamente dixital.