Fran Alonso: «Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo»

último número da revista Bahía Sur publicou unha entrevista de C. Carreiro a Fran Alonso sobre os seus libros. (Foto de Manuel G. Vicente).

Fran Alonso: «Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo»  

«Necesito concentrarme para sentir o que senten os meus personaxes»

—Narrativa, poesía, relatos…a túa escrita viaxa por diferentes xéneros. Tes preferencia por algún ou depende de cada momento?
—O feito de ser un escritor todoterreo permíteme experimentar máis e repetirme menos. Supón un reto maior, porque cambias de rexistro con frecuencia. Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo. E cada momento dítame o que me apetece ou creo que debo escribir. Ora ben, paréceme moito máis difícil escribir un bo poema que un bo relato.

A punta de pistola

—Dis que a túa última novela  A punta de pistola gañadora do Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia, xorde dun feito real. Pode a imaxinación sorprenderse coa realidade?

—Sen dúbida, no proceso creativo a imaxinación ten uns límites que a realidade non ten. A imaxinación –a ficción– precisa ser verosímil, precisa ser crida pola persoa que le. En cambio, a realidade supera con moita frecuencia á ficción sen que ninguén cuestione a súa pertinencia porque é constatable. Hai cousas que suceden na realidade que non se poden narrar porque non contarían coa complicidade do lector ou lectora. O poder da realidade non ten regras. En cambio, a ficción e a imaxinación teñen que medir as súas forzas dentro dun pacto cos lectores/as.
 — Según isto, a inspiración chega ou hai que saír a buscala?
—A inspiración é un mito do proceso creativo. Evidentemente, cando escribimos temos días bos e días malos (como na vida real), existen factores que nos axudan a concentrarnos e factores que supoñen atrancos, momentos físicos e mentais despexados e momentos físicos e mentais torpes. Pero, malia todo, o resultado final na escrita conséguese a base de aprendizaxe, de traballo, de busca, de experimentación. Sentar á espera de que veña a inspiración non adoita dar resultados positivos. A constancia e a teimosía, en cambio, levan a acertar co enfoque, co estilo, co ton, coa estrutura, coa eficacia comunicativa…
 —Cal é a túa disciplina de traballo,  tes algún ritual ou manía cando escribes?
—En xeral, preciso moita concentración. Gústame moito pecharme e escribir de seguido, sen parar, que é algo que case nunca podo facer. Cando me meto no proceso creativo dun libro non quero distraccións. Necesito concentrarme para sentir o que senten os meus personaxes ou para ser capaz de converterme noutra persoa. Adoito axudarme da música. Escoito case sempre unha mesma canción ao longo de todo o proceso creativo dun libro, que sexa suave, e que me facilite a fluidez do pensamento. Unha manía!
—O título é punto de arranque dunha historia?
—Pode selo. No meu caso, non é frecuente. Eu adoito pensar primeiro a historia e logo un título. O que si é certo é que eu teño moita facilidade para os títulos e case sempre os teño decididos en canto comezo a escribir. Para min, os títulos son moi importantes e forman parte das intencións do libro.
—Que se sente ao rematar unha obra, felicidade ou vertixe?
—O primeiro que se sente ao rematar un libro é felicidade. É unha sensación moi especial e, para min, moi emotiva. Cando rematei Territorio ocupado, un libro que me custou moitísimo sacar adiante, chorei de emoción. En cada renglón deixo unha parte da miña pel e cando remato non podo quedar indiferente. Unha vez superado ese momento, implacablemente, vén a vertixe. Daquela chegan as dúbidas, os temores, a incertidume de ter rematada unha obra que ninguén leu aínda e que non sabes como vai ser percibida. Ese é o momento en que lla dás a ler a persoas de confianza, que che dan unha opinión. Logo, cando a publicas, quédache a ilusión de recibir nas túas mans o resultado do teu traballo. É a maxia da edición.
—Nalgún lugar dixeches que a poesía é música, podemos sentila  por tanto aínda descoñecendo a lingua?
—Por tradición, a poesía ten moito de música, en función da forma, do ritmo, do sentido do movemento. Con todo, hoxe a poesía contemporánea tamén pode estar moi afastada da música e mutar ou adoptar formas moi distintas. Pero a relación entre música e poesía, ademais de ser real, funciona moi ben a nivel didáctico para explicar a poesía. Eu realizo espectáculos poéticos para nenos e nenas, e adolescentes, e a través desa relación fágolles entender o ritmo, por exemplo. O emprego da música reforza a súa relación coa poesía. De feito, a poesía xa nas cancións de berce. En calquera caso, canto máis forte sexa esa musicalidade máis percibimos o poema, aínda descoñecendo a lingua. Hai xa máis dunha década participei en Gales, (Gran Bretaña) nalgo tan incrible como unha folga de poetas. No medio dunha asemblea de poetas, lin un poema en galego que ninguén entendeu pero toda a xente percibiu. Nunca tanto me aplaudiron!

Ninguén

—Como lector cales son as túas preferencias?

—Eu teño tres niveis de lectura. No primeiro nivel están os libros que me diverten e me fan pasar un bo rato como lector pero non me ensinan nada como escritor. No segundo nivel están os libros que poden non interesarme como lector (ou si) pero, ademais, interésanme como editor, porque capto que teñen interese para gustarlle a outras persoas. En terceiro lugar están os libros que máis aprecio, que son aqueles que me ensinan cousas como escritor. Aqueles dos que aprendo. Como diría Bertold Brech, eses son os imprescindibles.
—As novas tecnoloxías prexudican ou fomentan a lectura?
—É un tema apaixonante e complexo. As novas tecnoloxías e os novos soportes establecen novos tipos de lectura, novos xeitos de ler. E as mesmas persoas combinaremos formas distintas de encarar a lectura. Os cambios que comezan van ser enormes.  Medraran moito os novos lectores, que serán en boa medida lectores funcionais que precisarán da escrita e da lectura para o seu desenvolvemento profesional e persoal. Probablemente, o papel da ficción ou da literatura vai ser secundario nun espazo en que a lectura vai cobrar relevancia. A lectura será unha ferramenta imprescindible para desenvolverse nunha sociedade altamente tecnoloxizada. As novas xeracións enfrontaranse a unha lectura plurilingüe e multisoporte. Nesa sociedade informacional cobrará importancia a necesidade de asumir criticamente a mensaxe. Espero que todo iso tamén poña en valor a literatura e a ficción. Son optimista ao respecto.
—Como é o momento actual da literatura na Galiza?O meu gato é un poeta (2011), 4ª edición
—O momento da literatura galega é magnífico, rico e moi plural e eu, que leo literatura de todo o mundo, creo que non temos nada que envexar a outros países. O principal problema da literatura galega é que se expresa nunha lingua que sufriu un proceso de devaluación histórica, que non é apoiada legalmente, que non é defendida pola administración, que ten moita menos visibilidade, e sobre a que os galegos e galegas non toman dunha vez a decisión de defendela. Sen lingua, o enorme potencial creativo deste país chamado Galicia non existiría. Seriamos un triste páramo.
—En que novos proxectos traballas?
—Pois a verdade é que ás veces adoito traballar en varios proxectos ao mesmo tempo ata que teño algún moi avanzado. Agora estou rompéndome a cabeza cun libro de poemas que rematei hai catro anos pero que vai ser publicado en edición dixital con partes interactivas. O que me está roubando o tempo é pensar a interactividade do libro para os novos soportes.