Fran Alonso: «Cando escribo mergúllome no texto e nos personaxes e desaparezo do mundo». Entrevista de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista con Fran Alonso (foto de Manuel G. Vicente).

Parlamento das Letras

Fran Alonso

A viaxe. O silencio. A loucura. A noite. O amor. O sorriso. A subversión. A identidade. Velaquí a lenda para mellor entender o mapa literario que habita Fran Alonso.

Este vigués, inequivocamente letraferido, vai camiño do medio século con máis de dúas décadas dando moito —e bo— que ler. Poesía, relato, novela, ensaio, crónica, articulística, tradución, todo e máis cultivou con acerto quen é, con certeza, un dos editores máis coñecidos do país e, polo mesmo, privilexiado espectador dos avances e retrocesos das nosas letras nos últimos lustros, amais dun dos máis competentes lectores entre nós.

Cartas de amor

Unha vida dedicada aos libros. Velaí o segredo que a escrita de Fran Alonso atesoura: deixarse tramar polas afinidades selectivas, metaliteraturizar e recrear óptima e orixinalmente, para nen@s e grandes, en papel e tamén en soporte electrónico, por escrito ou oralmente, tanto ten, pois é a súa unha portentosa capacidade para enluvar a mensaxe na máis propicia canle, sempre no ton, estilística e vía argumental idóneos.
 Multipremiado, aplaudido por público e crítica e activísimo promotor cultural, Fran Alonso mantén dende hai tempo unha casa dixital (http://cabrafanada.blogspot.com.es/) que se ten convertido en albergue inescusable para os peregrinos literarios de noso.
Dende a sabedoría que proporciona ser domador da verba e traballar coa súa arxila para outros, o escritor deita aquí opinións sobre a condición autorial propia e tamén sobre o contexto socioliterario que atravesamos. Palabras diáfanas de quen sabe ben do conto e nunca toca de oídas.
—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Tráiler

Os meus primeiros textos publicáronse en revistas culturais ou fanzines. A partir de 1985 publiquei poemas en revistas como As follas de Sísifo (que editaba o Café Uf en Vigo) ou Congostra (1988), que editou a Asociación Cultural Zeca Afonso. En As follas de Sísifo incluíse por primeira vez un texto meu cando gañei o terceiro premio Sísifo de Poesía, que convocaba o propio café (que eu saiba, o único que sobrevive daquela época no Vigo de hoxe); ao ano seguinte gañei o segundo. O longo poema que dei á luz en 1985 pertencía a un libro inédito que, afortunadamente, nunca se chegou a publicar, pois era un libro de aprendizaxe.

Daquela, Xosé Ballesteros, Celia Durán, Xela Arias e mais eu, e algunha outra persoa que non lembro, formamos un grupo en Vigo para escribir unha novela colectiva, pero ao final o proxecto quedou atrancado. Eu chegara a escribir un capítulo. Tamén naqueles anos (1987) algúns estudantes organizámonos arredor dun recital poético na Casa da Cultura de Vigo, recital que xa ten relatado Marta Dacosta. Logo, en Compostela, publiquei e colaborei na revista Ólisbos, que se facía na Facultade de Filoloxía, con narrativa e poesía, e participei en diversos recitais que me conduciron á carpeta poética de carácter colectivo Ao mar de adentro e ás Edicións do Dragón, que levabamos Paco Souto, Miro Villar e mais eu (aínda que Paco Souto foi con diferenza a alma mater do proxecto e a persoa que máis creu e traballou a favor del). No 89 un poema meu tamén resultou premiado no concurso O Facho e editouse nun volume recompilatorio (1978-1989 ) de Ediciós do Castro.
Os meus primeiros artigos e reportaxes publiqueinos grazas ao interese do desaparecido xornalista Segundo Mariño, que dirixía Radiocadena Española cando eu realizaba os meus primeiros malabarismos literarios.
Máis tarde, chegou o meu primeiro libro individual, que foi a novela Tráiler, publicada en 1991 ao gañar o Premio Blanco Amor, cando eu xa pertencía á redacción do Diario 16 de Galicia. Como escritor, deime a coñecer na década dos 90.
—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?
Ante todo, a mirada dun escritor sobre a súa propia obra non deixa de ser unha mirada profundamente íntima e subxectiva, que enfoca as súas expectativas en relación coa recepción; pero non é menos certo que tamén o é a opinión dun crítico/a ou a acollida dun libro por parte dos lectores e lectoras. Con frecuencia, os escritores/as tendemos a pensarSubversións que os críticos están aí para indicarnos que aspectos da escrita debemos mellorar e percibimos que se realiza sobre nós un xuízo sumarísimo cando, pola contra, a misión da crítica non é dirixirse ao escritor/a, senón valorar a súa obra para informar ao lector ou lectora, porque un crítico é un intermediario entre o escritor/a e o lector/a que exerce unha opinión valorativa con carácter divulgativo. Ás veces, danse circunstancias que fan que un sistema literario non sexa quen de recibir unha obra liberándose de prexuízos extraliterarios porque vive moi atrincheirado en determinados presupostos ideolóxicos e/ou estéticos. As literaturas que se expresan nunha lingua ameazada ou reprimida, evidentemente, son máis proclives a vivir esas circunstancias.
Cando eu gañei o Premio Blanco Amor con Tráiler en 1991, a voz do sistema literario desconfiou automaticamente da miña novela e do meu discurso. Iso explica (sen entrar na posterior publicación das recensións críticas) que a novela fose valorada negativamente en público antes de que fose editada ou que mesmo se insinuasen dúbidas sobre a miña autoría. Recoñezo que todas esas circunstancias, que naquel momento non comprendín, dinamitaron a miña inxenuidade (o meu discurso era inxenuo, por sincero) e naquel momento provocaron en min unha actitude de autodefensa.
Polo demais, considero que os meus libros adoitan ser lidos e valorados con agarimo. Ás veces podo discrepar das opinións críticas (sexan desfavorables ou favorables), pero síntome tratado con respecto e con cariño, e síntome valorado. Por outra banda, é unha tendencia natural dos escritores/as reivindicar sempre máis plusvalía para a súa obra.Territorio ocupado
Con respecto ao libro mellor ou peor acollido polos lectores/as, como dicía, depende sempre das túas expectativas. No meu caso, seguramente eran máis altas cando publiquei o poemario Subversións. A maiores, debeu haber dous factores que influíron en que o libro non cumprise co que eu esperaba: en primeiro lugar, despistaba o feito de que o poemario novo se editase canda todos os meus anteriores no mesmo volume; en segundo lugar, foi un libro contracorrente, de poemas e versos longuísimos e profundamente ideolóxico, que probablemente sería axeitado agora, para esta época de crise. Curiosamente, o meu próximo poemario, Poétic@, tamén vai saír contracorrente (non nas formas, que son anticipatorias, pero si no contido) porque o rematei no 2009 e… como cambiou todo nestes catros anos!
—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
Cando escribo preciso moita concentración e silencio. Non son quen de escribir se só teño unicamente media hora ou unha hora por diante. Preciso, cando menos, un par de horas. Cando escribo mergúllome no texto e nos personaxes e desaparezo do mundo. Eu non son que de facer iso en media hora. O que si podo realizar nese «tempo morto» é o traballo de xestión e administración do oficio de escritor (xestionar colaboracións, reedicións, publicacións, actos públicos, cuestionarios, contratos, traducións, charlas, enquisas, entrevistas etc), que xa case me ocupa máis tempo que a propia escrita.
Polo demais, escribo sempre co ordenador (e, a ser posible, cun teclado cómodo, porque escribo rápido e mirando a pantalla) e non teño nada que ver con esa imaxe romántica do escritor que improvisa os seus poemas nos panos de papel dunha cafetería.

Cemiterio de elefantes

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de queautores/as preferirías figurar?

Sen dúbida ao pé dos que defenden con dignidade o oficio da escrita e a boa literatura (sen prexuízos, sexa do xénero que sexa). Francamente, síntome ben acompañado na literatura galega.
—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
A miña traxectoria ten que ver coa construción dunha arañeira literaria, pola que paseo con comodidade, que se vai facendo cada vez máis mesta e preparada para soportar máis peso, pero que só se pode ver co brillo das gotas de auga cando chove. Esa arañeira vouna tecendo desde unha vontade de procura continua, desde o inconformismo e desde unha voz plural (desde unha voz de voces, que é a miña) que se cadra me caracteriza. A arañeira constrúese cun mesmo fío, que ás veces tece os mesmos temas, repetidos desde múltiples perspectivas, pero que adopta sempre formas diferentes.
—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/asA aranha e euregresas con frecuencia?
Se nomeo títulos ou escritores estaría falseando a realidade. Eu son un nómade, un lector desordenado e itinerante, nada mitómano, que aprendín a sacar proveito de todos os textos que lin, incluídos os malos. E carezo de deuses literarios. Ademais, co paso dos anos a miña perspectiva vai cambiando e os autores/as universais que eu seguía aos vinte ou trinta anos se cadra me interesan pouco cando vou entrar nos cincuenta. As lecturas inciden sobre as persoas en relación ao tempo en que as viven. E, agora, no tempo actual, atópome no intre de maior nomadeo e itinerancia da miña vida lectora. Se cadra, boto en falla un chisco de acougo.
—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobraContesta ou disparodefinitivamente?
Á literatura galega fáltanlle dúas cousas fundamentais para garantir o seu futuro, e non teñen nada que ver co propio proceso creativo: un estado que a apoie e lectores/as. E a existencia do primeiro non implica necesariamente a existencia do segundo. En primeiro lugar, á literatura galega fáltalle un estado que a apoie, que lle dea entidade administrativa, que a visibilice fóra das nosas fronteiras e que a prestixie dentro, e dígoo á marxe de calquera consideración ideolóxica. Se tivésemos un estado, o estatus do que gozaría a nosa literatura sería infinitamente superior. En segundo lugar, á literatura galega fáltanlle lectores e lectoras, e ese feito crea unha atmosfera de permanente decepción no ámbito da creación literaria e impide unha verdadeira correlación de forzas, amais de imposibilitar a profesionalización dos escritores e escritoras que o desexan. Non obstante, as posibilidades de medre para a literatura galega son enormes, porque só un 20% dos lectores galegos len na nosa lingua (polo tanto, potencialmente poderiamos incorporar para a literatura galega un 80% de persoas que xa son lectores/as en castelán). Evidentemente, este feito está directamente relacionado coa situación sociolingüística de Galicia.
No referido ao ámbito da creación literaria, creo que historicamente o que máis acusa a literatura galega é a falta de humor, e seguramente neste momento precísao máis ca nunca. O país da retranca, cun humor tan de seu, debe trasladar ese sentido do humor socialmente compartido á literatura. O problema principal é que, con frecuencia, aos escritores nos resulta difícil asumilo debido ás circunstancias que vivimos. Pero é un importante reto pendente.
—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?
Se o meu tempo se esgotase realmente, o que escribiría, conPoetízateseguridade, sería de índole persoal e estaría dirixido ás persoas máis próximas. De todos os xeitos, eu xa teño declarado que me acompaña permanentemente esa sensación de que o meu tempo se esgota con respecto á miña obra literaria; é dicir, que teño demasiados proxectos que me gustaría poder escribir (moitas ideas, moitos esbozos, moitos procesos creativos abertos, deseñados ou comezados), pero son consciente de que só vou ser quen de abordar unha pequena parte por falta de tempo. É unha sensación estraña, contraditoria, que me esgota, pero que é real. Sempre teño a percepción de que escribo a contrarreloxo.
—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
Hoxe por hoxe, o que máis me preocupa é a terrible fenda, ese enormedesnivel, que existe entre a indiscutible calidade e a ambición literaria dos escritores e escritoras galegos e a resposta da sociedade ante a creación literaria na nosa lingua. O abismo é tan enorme que ás veces resulta profundamente desmotivador para unhaMales de cabeza literatura rica, plural e competente como a nosa. E eu, que pola miña profesión manexo cifras constantemente, convivo con ese feito a diario. Actúa como un lastre que impide a normalidade —malia que aparentamos vivir nela— e crea unha reiterada sensación de decepción nos escritores e escritoras. Evidentemente, o problema non está na literatura que se produce, senón na lingua na que se produce esa literatura; pero o futuro da literatura galega está inevitable e inseparablemente ligado ao futuro da lingua. Cando o goberno galego do PP está a lexislar contra a lingua galega (si, contra a lingua galega, por acción ou por omisión) tamén está a lexislar contra a literatura galega, contra o teatro, contra a industria cultural, contra toda a cultura galega, en definitiva. Agora ben, o problema da lingua (tamén transmitido á literatura) non é un problema conxuntural (conxuntural é a presenza dos depredadores do PP no goberno), senón un problema estrutural, que padecemos desde finais da Idade Media, e a súa solución está inevitablemente ligada a unha decidida vontade de cambio do pobo galego que supoña unha ruptura histórica, vontade que, polo de agora, non se albisca.
—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
Que estamos a traballar a favor da esperanza.