Cun rexistro directo e fluído e a obsesión do protagonista por resolver o misterio: «Silencio». Crítica

Alba Rozas Arceo publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre Silencio, de Fran Alonso.

 

Sobre a opresión da soidade humana a modo de traxedia

No panorama editorial actual a elaboración de relatos que configuran tramas psicolóxicas é un procedemento moi empregado á hora de crear obras con suxestivas narrativas emocionais, dirixidas á mocidade, que son moi ben acollidas por mediadores e lectorado e que teñen garantido o seu éxito. É por iso que Edicións Xerais na súa aposta polo drama psicolóxico de calidade vén de publicar Silencio.

Trátase dun libro na liña da coñecida novela curta de Fran Kafka A metamorfose (1915), dos contos de horror de Edgar Allan Poe, coma O gato negro (1843) e A caída da casa de Usher (1839), ou da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín Percival e outras historias (1958), destacados polos seus contidos oníricos e simbólicos.

Neste libro o escritor Fran Alonso (Vigo, 1963) ofrece, a través dunha traxedia emocional, unha mostra das relacións persoais marcadas pola soidade e a incomunicación.

Silencio céntrase nas vivencias dun xornalista que, apartado da profesión a raíz das investigacións desenvolvidas en Galicia, emigra a Madrid coa pretensión de retomar a súa traxectoria periodística. A través do punta de vista deste personaxe sen nome, caracterizado pola curiosidade, capacidade de observación, análise e introspección, vaise tecendo o illamento humano que implica a actual vida urbana.

A soidade deriva na eiva psicolóxica do protagonista, que mestura a realdiade co esotérico, o irracional e o inverómil, como consecuencia da súa obsesión por resolver o misteiro que envolve o comportamento ritual e as repulsivas inclinacións culinarias dos seus veciños, un home con varios fillos pequenos idénticos. E, finalmente, ofrécese un desenlace climático que supón o remate das perturbacións emocionais do protagonista, simbolizado a través da desaparición e morte dos causantes, despois de rachar coa súa situación de soidade.

O rexistro directo e fluído da voz protagonista favorece, en ambos os dous casos, a comunicación cos lectores á hora de descubrir e afondar na complexidade psicolóxica das persoas marcadas polo illamento ante a incomprensión da realidade cotiá máis próxima.

Alba Rozas Arceo