Códigos QR, a crise, a vida, o paso do tempo e o propio poeta como personaxe en «Terraza» de Fran Alonso. Crítica de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia

Fran Alonso por Oscar Vazquez_alta

O crítico e escritor Ramón Nicolás publicou no suplemento Fugas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro de poemas Terraza, de Fran Alonso. Foto do autor: Óscar Vázquez / La Voz de Galicia.

Descargar ou ler a crítica en pdf nesta ligazón.

 

Fran Alonso converte en poesía os códigos QR

Sae o autor vigués Fran Alonso dunha experiencia senlleira como foi Poétic@: un libro multimedia recoñecido con xustiza hai por volta dun ano como o mellor proxecto literario galego na rede na I Gala do Libro Galego; asemade, mantén outra iniciativa novidosa no Twitter como é a publicación dun micropoema diario baixo o cancelo de Estado de malestar e ofrece, arestora, un libro de poemas que, desde a atalaia da observación do cotián, é quen de desentrañar algunhas das claves da vida que nos rodea, sen esquecer unha chiscadela ás novas tecnoloxías ao incorporar códigos QR nalgúns poemas que remiten ao universo literario do autor,

Porque é da vida e da realidade do que se fala en Terraza: dunha vida “de sabor lánguido e cíclico” que transita desde os ollos de algúen sentado nunha terraza dunha cafetaría até o papel. É nese percorrido onde se testemuña como o espírito curioso de Fran Alonso non só ve pasar o mundo e nolo conta: antes ben imprime en imaxes a súa intransferible visión do que ocorre, sobre todo nas persoas máis duramente golpeadas pola crise e que terman como poden das súas existencias.
Réndense, tamén, visitas á adolescencia, ás cadeas en que se poden converter as redes sociais, a esa bola de neve que é a soidade ou ás olladas extraviadas das persoas…, a todo isto asómanse estes poemas nos que conflúen, cando cómpre, o enxeño e a ironía, a dureza e comprensión.

Poemas e vida

En Terraza non é banal a incorporación de elementos de filiación animal –pombas, iguanas, cans…- que se traen ao cotián, por veces a través de imaxes visionarias, para quebrar unha realidade que, por tan abouxadora, pode chegar a ser mesmo angustiosa.
Nestes poemas hai vida sempre: animais e persoas, sons, ruídos, un movemento febril ollado desde a inmobilidade… Todo ao servizo da reflexión sobre o paso do tempo construíndo instantáneas da vida urbana duns luns ou dun mércores calquera, dunha cidade calquera. A voz que nos fala, con todo, é consciente de que a súa presenza, marcada por ese escribir entolecido enriba da mesa, tamén o converte nun personaxe máis desa terraza e dese mundo do que, felizmente, tamén forma parte.

Ramón Nicolás