«Cidades»: Un libro para adentrarse na poesía. Crítica de Paula Fernández no Faro da Cultura

Cidades

Paula Fernández publicou o xoves 21  de marzo nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo,  unha recensión crítica sobre Cidades, o libro de poesía infantil de Fran Alonso.

Literario e plástico

Para adentrase na poesía

En 1997 publicouse por primeira vez este poemario plástico–literario de Fran Alonso, especialmente dirixido para o alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria ou do 1º de ESO, que agora, e grazas á súa vixencia sen que apenas se advirta o paso do tempo, vén de reeditar Edicións Xerais de Galicia na súa colección Sopa de Libros.
Cidades, que presenta os seus versos acompañados de fotografías asinadas polo propio autor, ou retocadas as máis das veces tamén por el, caracterízase pola súa variedade temática que nace de xeito paradoxal dun único fío condutor, e segundo pasan as páxinas se une inherentemente a outros trazos como o ton, a plasticidade e mais a formalidade. Así, recoñecemos nalgúns poemas de ton melancólico paisaxes urbanas dominadas polo individualismo, a escaseza de solidariedade e mesmo pola urbanización excesiva, e noutros máis optimistas as gobernadas pola axuda desinteresada e o respecto polo medio.
Mais sexa cal sexa o ton, sempre está presente a maneira que ten o autor de achegarlle a poesía a ese público que, malia ser aínda infantil, empeza a lela de maneira madura por primeira vez, polo que recursos repetitivos, personificacións, comparacións, metáforas e imaxes, son unha constante neste poemario no que o literario e o plástico son un e no que resulta complicado desvincular un do outro.