Agasallo para unha boa tarde de contos. Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Contos nerviosos»

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en Tránsito unha recensión crítica sobre Contos nerviosos, ilustrado por Dani Padrón e publicado pola editorial Embora. (A ilustración superior, aquí recortada, é de Dani Padrón).

 

Contos Contados

Poucos agasallos mellores ca unha tarde de bos contos, que é o que nos ofrece Fran Alonso neste novo título: Contos nerviosos. A verdade é que de nerviosos non teñen nada, a non ser que sempre hai unha personaxe que resulta que a poñen dos nervios por algunha razón, como vulgarmente se di. No primeiro dos casos é Amelio, que é alérxico aos ruídos, coma tantos de nós, que vivimos nunha sociedade tan ruidosa que xa se nos fai estraño o silencio,a paz do silencio énos allea e precisamos continuamente o ruído que nos calme os nervios. O caso de Portada_Contos nerviososAmelio é preocupante, como pode ser o de calquera de nós, porque  a súa alerxia ao ruído non resulta doada de tratar, o alergólogo non lle soluciona nada, mais, coma sempre, hai alguén máis autorizado na materia e ese é o Superalergólogo e el si. El si lle propón unha cura e esta é unha terapia de choque que terá que enfrontar Amelio malia que os ruídos o poñen malo, pero malo de verdade. Non se pode agachar aquí certa crítica á ruidosa sociedade na que vivimos. En realidade, aínda que estes contos teñen a pinta de seren contos contados algunha vez a algunha crianza, son contos froito da sociedade que nos toca vivir, este e calquera dos outros tres. A solución ao caso de Amelio non deixa de ser imaxinativa e súper lóxica, mais nós non a imos desvelar aquí. Aínda que si debemos engadir, froito do comentado anteriormente, que estes contos de Fran Alonso resisten moi ben o seren contados. É dicir, trátase de contos para seren contados, poden quedar nunha simple a agradábel lectura mais, sobre todo habendo crianzas polo medio, son moi agradecidos coa versión oral.

“Sabemos quen es”, “Dependes de nós” son mantras que perseguen a protagonista do segundo conto. Alí onde vaia ou faga o que faga sempre se lle aparece o mantra a  intranquilizala, tal e como a Administración nos controla decote así é controlada a protagonista impenitentemente. Por teléfono ou na rúa as mensaxes non deixan de peseguila. Entón decide querer saber quen é quen a controla, de quen depende, e emprende unha búsqueda que rematará nunha procura da propia personalidade. E sae á rúa “O día estaba alegre. Había nubes violeta con forma de lambetada…” (27). O paseo parece reconfortala mais crúzase no seu camiño un pit-bull, un can fero de ollos negros que a persegue e dun automóbil ciscan papeis lembrádolle o mantra. Gorécese na súa casa mais o ascensor non a leva ao andar que ela quere, sempre para no inferior ou non superior mais nunca no que ela precisa.Tamén coñece a un velliño sentado sobre un colchón, un velliño que é do país dos soños. Cando sente fame apetécelle almorzar “unha ensalada de plátano e ourizo de mar” (38). Parece que só lle acontecen cousas sen xeito cando visita Cabrafanada (tamén é o nome dunha uqe foi bitácora do autor) e fala coa Xirafa. Mais desvelará o misterio, co tempo decatarase de que o segredo é saber quen é ela, e sabido iso non poderá sorprenderse de que sexa unha personaxe sen dereito á intimidade nin á vida privada.

O terceiro conto titúlase “Café Tropical” e hai unha máquina para cumprir desexos e os desexos da xente consisten en “apartarse da realidade” (49). De aí o poder da ficción, que nos permite mergullarnos nun estado de cousas que pode non parecerse ao que vivimos todos os días.Aquí reparece o Velliño do Páis dos Soños, “o único lugar do mundo onde se pode vivir sen nada” (50). E hai unha Personaxe que está molesta porque quere ser unha Persoa. E mesmo un Cazador de Bolboretas Brancas que si lle resulta molesto ao neno e actúa en consecuencia, modificando todo o que non lle gusta. Porque a realidade virtual é así, déixache actuar sobre ela amis hai que facelo con moito coidado, non vaia ser que rematemos querendo que todo volva ser coma antes.

E o cuarto conto é o dunha nena que está de aniversario. 10 anos. Unha nena lacazana e insolente aínda que ela prefira verse lista e espelida. Non lle pracen os presentes que os amigos lle traen, por moi valiosos e benintencionados que estes sexan. Porque ela é a Raíña do Ceo. Unha das compoñentes do Club das 4 Selectas. E non lle serve calquera cousa. De feito esta é a única personaxe negativa, a única personaxe que necesita unha lección de vida que a humanice, tal e como no remate acontecerá. Caprichosa e repugnante acabará tendo o seu merecido.

Eis un convite para unha tarde divertida lendo estes catro contos de Fran Alonso, que teñen o seu de metaliterarios e tamén de termo de comparación coa vida real. Contos que seguramente naceron en versión oral e por iso aturan tan ben o seren contados despois de lidos.

As ilustracións son de Dani Padrón.

Xosé Manuel Eyré