A terraza dun bar, café, caderno e lapis; un espazo físico no que entra o poeta: «Terraza», de Fran Alonso. Crítica de Noelia Gómez

A xornalista e poeta Noelia Gómez publicou no Sermos Galiza unha recensión crítica sobre o libro de poemas Terraza, de Fran Alonso. A recensión crítica pode lerse ou descargarse en pdf nesta ligazón.

 

Desenfocar a ollada

TerrrazaA terraza dun bar, café, caderno e lapis. Este é o espazo físico no que transcorre Terraza, o novo poemario de Fran Alonso, editado por Xerais.
A través dunha escrita lixeira, o poeta non só describe o espazo que o rodea, senón que entra nel: as pombas, as moscas, o tráfico da cidade, a parada de autobús, as persoas da terraza. “Escribindo poemas / sobre os que me rodean, / síntome como un axente / dos servizos de intelixencia / dun suposto / exército literario. /”. A crítica á sociedade tecnolóxica e patriarcal está presente: a muller que non cea para non engordar ou as e os adolescentes que nin se miran á cara porque non deixan os móbiles. Aínda así, “a escrita non deixa de ser / un exercicio exótico / nunha sociedade que muda / de pel e está en carnve viva. /”. Os textos están acompañados de códigos QR que levan a lectora e o lector a seguir os versos de Alonso na rede, como por exemplo o libro, Estado de Malestar, que está a contruír en Twitter. Terraza procura desenfocar a ollada. Esa outra realidade. “Desenfocar a ollada para nunca / máis asomar á Terraza; / a renuncia dentro / dun vaso cun código QR / diluído no café:”.

 Noelia Gómez