«A realidade é inverosímil»: Entrevista a Fran Alonso en La Voz de Galicia

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Camilo Franco a Fran Alonso na súa contraportada sobre a novela A punta de pistolaPremio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

«A realidade é inverosímil»

«A realidade pode ser máis inverosímil que a ficción» foi una das primeiras frases que pronunciou Fran Alonso ao recoller o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia por A punta de pistola. A obra, que se poderá ler día con día nas páxinas do xornal no mes de agosto, ten como punto de partida un feito real: o secuestro a punta de pistola por parte dos seus pais de dous nenos nun local de acollida.

-¿O punto de arranque da novela é un feito real?
-Ocurriu no 2006 e xa cando o lin daquela quedoume a idea de que a realidade vai máis alá que a ficción. Para min como escritor o principal problema literario da novela era facer verosímil unha historia que era certa pero que, de entrada, non o parece porque non semella verosímil que os pais secuestren aos fillos a punta de pistola. Ás veces, a realidade é inverosímil.

-É unha historia da que un editor diría que é pouco realista.
-En canto a ese punto de partida, si. A miña preocupación era darlle verosimilitude a unha historia real para facer unha ficción. Ese foi o reto. Para cumprilo traballei moito na caracterización dos personaxes e na linguaxe, que é descarnada e directa. Hai unha violencia na historia, pero é unha violencia verbal que lle dá coherencia aos personaxes porque o pai e a nai non poden falar como se procedesen doutro lugar, teñen que falar dese xeito violento que os caracteriza.

-¿Non foi un reto ter que traballar coa extensión xa definida?
-Das dúas cousas que están marcadas, a extensión dos capítulos e o número deles, a que me custou máis foi a da extensión dos capítulos, que en algún deles me custou ter que axeitarme á extensión marcada do número de caracteres, que é terrible. Escribir a historia nos trinta e un capítulos tamén ten a súa complicación, pero é máis un traballo de planificación. Esta é unha novela moi planificada, moi pensada antes de escribila e con moi pouca improvisación.

-No argumento da novela hai dúas historias paralelas.
-Unha liña é a do secuestro e a fuga dos pais cos seus fillos e outra é a dunha camioneira nova, emprendedora, culta, licenciada, que ten éxito e ao tempo conduce. Neste caso é o polo oposto ao que escribín en Tráiler (premio Blanco Amor en 1991, Edicións Xerais), que era un camioneiro máis o contrario desta muller que sigue o exemplo de Celia Rivas, que é un personaxe fascinante, que merece cando menos unha película porque ten unha vida marabillosa. A novela avanza nesas dúas vías.

-¿Por que dúas historias tan diferentes acaban como complementarias?
-Porque teñen ritmos e un carácter moi diferentes e esa diferenza fai que funcionen ben xuntas e que o lector non encontre facilmente cal é a relación entre elas. Creo que fan un contrapunto moi interesante unha coa outra. Por unha parte a historia da camioneira comeza en 1932, mentres a outra é unha historia de agora. Unha é máis calmada e outra é trepidante.

-¿Tamén contou con que o lector non será o lector dun libro?
-Fun combinando os planos de accións, uns máis rápidos con outros máis tranquilos e tendo en conta como tiña que desenvolverse a historia ao longo do mes.

-¿As formas cinematográficas eran conscientes ou é que xa saen automaticamente?
-Eu creo que xa saen automaticamente. Son dunha xeración na que o cine está tan presente, a imaxe está tan asumida, que escribimos en imaxes. Non pretendo ser cinematográfico, pero a miña cultura é profundamente cinematográfica, incluso máis, é profundamente audiovisual. Non é só o cine, é a televisión, a cartelería.