A pertinencia e habelencia do autor convirte o poemario nun obxecto inusual e valioso: «Terraza», de Fran Alonso. Crítica de Berta Dávila

Codigo

A escritora Berta Dávila publicou no xornal dixital Praza Pública un artigo de valoración crítica titulado Abril de libros no que fala do libro de poemas Terraza, de Fran Alonso.

 

Terraza

No espazo da poesía chega o poemario Terraza, de Fran Alonso, poeta que ten gañado de seu a categoría de imprescindible pola súa procura incansable de espazos novos que conquistar coa palabra. Autor dunha obra inconoclasta, vén de concluír hai poucos días un proxecto literario na rede social Twitter con excelente recepción de lectores e internautas. Co título “Estado de malestar” recolleu diariamente cento corenta poemas de non máis de cento corenta caracteres que perseguiron o pulso da vida nos derradeiros meses. Neste Terraza, que asume (a priori) o formato do libro tradicional, non se sabe se son os poemas os que atravesan á voz poética que mira pasar a vida contemporánea sentado nunha terraza, ou se é a vida a que se deixa atravesar pola mirada do poeta, que é ás veces caleidoscópica, ás veces conmovida ou desconcertada,  pero sempre irreverente e observante. Poemas de verso curto e percorrido longo, a medida é exacta tanto en proporcións como na escolla da palabra precisa. Compleméntase, ademais, coa introdución de códigos QR que remiten a esoutro mundo de músicas, referentes e hipertexto, de aí que o formato de libro tradicional sexa, como comentabamos antes, nada máis que un a priori. A pertinencia e a habelencia do autor neste xogo entre espazos visibles e invisibles (a terraza e o poema, o libro e a rede) convirte o poemario nun obxecto inusual e valioso, digno de ser lido na rúa ou na intimidade da luz da mesa de noite. Non importa: o seu potencial para crear mundos e evocar outros lugares é suficiente para transportarnos a onde queríamos estar aínda que non o soubésemos antes de abrir as páxinas.

Berta Dávila

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CAPTCHA Image

*