A colección de literatura xuvenil Fóra de Xogo publica «Silencio», de Fran Alonso

XG00228901A novela Silencio, de Fran Alonso, acaba de ser publicada na colección Fóra de Xogo, unha colección de Xerais dixida ao público xuvenil. Silencio, escrita en 1995 e publicada na editorial Nigra, reeditouse en 2001 na colección Xerais Peto. 

Trátase dunha novela de intriga e suspense protagonizada por xornalista galego, duramente castigado polo poder, ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e, sen querelo, vese envolto nunha situación kafkiana. Da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. 

A través dunha atmosfera inquidante, Silencio configúrase como unha novela de suspense, suspense que se intensifica de forma vertixinosa para presentarnos unha historia próxima ao misterio e ao desacougo urbano. Segundo escribiu Antón Reixa en La Voz de Galicia,  Fran Alonso, «como moitos narradores sabios e humildes de todo o mundo, segue o legado de Kafka». 

Con esta novela descubrimos o arrepío que habita no ser humano contemporáneo con só rañar uns centímetros na cotra do cotián, na nosa vida doméstica. Coa súa capacidade habitual para transportarnos aos lugares máis sorprendentes e cun estilo directo, breve e conciso, en Silencio Fran Alonso non deixa lugar para o respiro.